
da prosperidade ao crac
CRAC DA BOLSA DE 1929
O Xoves Negro tivo lugar o 24 de outubro de 1929, día no que deu comezo a caída na Bolsa de Nova York e con ela o inicio da crise económica de 1929 e a Gran Depresión.
A crise comezou cinco días despois nos Estados Unidos, o coñecido Martes Negro, e rapidamente se estendeu a case todos os países do mundo. A caída da Bolsa de Nova York produciu unha situación de verdadeiro pánico que provocou a posterior crise bancaria en Estados Unidos.
1929 pasou á historia como o ano no que estalou a maior crise económica do sistema capitalista. Os “Felices Anos Vinte” foron un tempo de prosperidade económica para Estados Unidos que, ao contrario que os seus aliados europeos, rexurdiran fortes e dominantes da Primeira Guerra Mundial. Esta sería unha época dourada caracterizada por fortes investimentos, crédito fácil e especulación que tocaría teito en outubro de 1929, tras a devastadora caída da Bolsa de Wall Street.
As dramáticas consecuencias da crise económica de 1929 non tardarían en desencadearse: incalculables perdas económicas, máis de tres mil bancos en bancarrota e gran número de familias na máis completa ruína. Todo o sistema derrubouse en outubro de 1929, e en poucos días (ou en cuestión de horas) as cotizacións perderon todo canto gañaran durante meses ou, mellor dito, durante anos. Os pequenos investidores quedaron arruinados e tiveron que vender con enormes perdas e, os grandes investidores atopáronse tamén con dificultades. O pánico foi absoluto: en poucas horas, dezaseis millóns e medio de accións vendéronse con perdas a unha media do 40 por cento. En novembro, cando se acougaron un pouco os ánimos, as cotizacións descenderan á metade desde o comezo da crise económica de 1929. Máis de 50.000 millóns de dólares desvanecéronse como o fume, co que quedou en evidencia a inseguridade e fraxilidade dos sistemas financeiros.


